Hábitat sen lixo na Lagoa de Alcaián: 1.700 kg de residuos retirados nunha xornada de voluntariado ambiental

O pasado 10 de agosto, o Grupo Naturalista Hábitat desenvolveu unha nova xornada de voluntariado ambiental dentro da iniciativa Hábitat sen lixo, nesta ocasión na contorna da Lagoa de Alcaián, en Coristanco.

Durante aproximadamente cinco horas de traballo, un grupo formado por oito persoas socias da entidade percorreu distintos puntos da contorna co obxectivo de retirar residuos abandonados e contribuír á mellora do estado ambiental deste espazo.

O resultado da xornada foi especialmente significativo: en total retiráronse arredor de 1.700 kg de residuos. Entre os materiais localizados atopábanse máis de vinte neumáticos, un colchón, parte dun sofá, numerosos plásticos, botellas e outros restos de vidro, así como residuos e entullos procedentes de obras.

A cantidade e diversidade dos residuos atopados pon de manifesto a persistencia de verteduras e abandonos de lixo nesta contorna e a importancia de continuar desenvolvendo accións de seguimento, sensibilización e retirada de residuos.

Esta actuación forma parte do programa Hábitat sen lixo, a iniciativa do Grupo Naturalista Hábitat coa que se promoven accións de voluntariado destinadas á retirada de residuos de espazos naturais e á sensibilización sobre o impacto que provoca o abandono de lixo no medio.

A actividade desenvolveuse no marco da subvención da Deputación da Coruña para actividades ambientais 2026.