Velaquí unha nova xornada no marco do noso programa Hábitat sen E.E.I., coa que continuaremos avanzando -un ano máis- nas tarefas recuperación de áreas degradadas na contorna do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Torre de Hércules. Novamente centraremos esforzos na retirada da especie exótica invasora coñecida como uña de gato (Carpobrotus spp.).
*Sabías que dende o pasado ano 2018 son máis de 1.600 as persoas voluntarias que nos teñen axudado nestas tarefas, en 85 xornadas de traballo 💪. O proceso de recuperación ambiental avanza de xeito favorable a prol da comunidade vexetal nativa, mais aínda queda moito traballo por diante. Precisamos da túa axuda!
A vindeira actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo 25 de maio do 2025, ás 16h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste para continuar recuperando o noso patrimonio natural!

Leave A Comment