Aproveitando as vacacións de nadal dos máis peques, convidámosvos a unha nova xornada no marco da noso programa Hábitat Protexe. Nesta ocasión pasaremos un ratiño agradable aprendendo a facer moldes en escaiola con motivos de natureza (follas, flores, pegadas, piñas, entre outras, como os que se mostran no cartel), que poderemos pintar a pincel ao gusto de cadaquén. Finalizada a actividade os asistentes poderán levar os materiais elaborados para que luzan nas súas casas, e mesmo convertelos en imáns!

O obradoiro, aberto ao público infantil, terá lugar o xoves 26 de decembro, de 16:30 a 18:30h no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). As prazas son limitadas. Para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat.

O obradoiro ten as seguintes cotas de inscrición:

  • Socios/as do G.N. Hábitat:
    • 1 neno/a + 1 adulto acompañante: 8 €.
    • Por cada neno/a que se desexa engadir a maiores: 5 €.
  • Non socios/as do G.N. Hábitat:
    • 1 neno/a + 1 adulto acompañante: 12 €.
    • Por cada neno/a que se desexa engadir a maiores: 8 €.

Este obradoiro está dirixido a nenos/as, preferiblemente acompañados dun adulto. Os materiais necesarios para o desenvolvemento do obradoiro serán postos a disposición polo G.N.Hábitat. 

Unha vez feita a inscrición a través do formulario recibirás un email notificando a reserva de praza, acompañada das instrucións para realizar o abono da cota de inscrición. Posteriormente, cando teñamos comprobado o pago da actividade, recibirás novamente un email coa confirmación de praza.

Se desexas anotar a máis dun neno/a na actividade, deberás encher e enviar o formulario de inscrición tantas veces como nenos queiras anotar, indicando a mesma conta de email no proceso de inscrición.

Todo o recadado no marco das actividades Hábitat Protexe destinarase a actuacións de Custodia do Territorio e de Defensa Ambiental da nosa entidade. Con estas iniciativas queremos seguir loitando con máis forza para protexer os nosos espazos naturais e a biodiversidade das constantes perturbacións ás que se ven sometidos. Se quixeses aportar máis fondos a Hábitat Protexe, serán moi ben recibidos.

É importante que lembres que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa e o pago por anticipado. Non se admitirán persoas non apuntadas ou que non fixesen o pago no prazo establecido.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!