Comprácenos comunicar que o noso compañeiro Cosme Damián Romay representará ao G.N.Hábitat no International Gull Meeting, evento organizado polo Departamento de Ornitoloxía da Sociedade de Ciencias Aranzadi e que se desenvolve nestes días na cidade de San Sebastián.

Damián expoñerá alí o traballo nomeado “Movements of suburban Yellow-legged Gulls in NW Galicia“, que recolle a análise de resultados dos 5 anos de anelamento científico levados a cabo polo G.N.Hábitat nas Illas de San Pedro (A Coruña), grazas á imprescindible colaboración dos seus Grupos de Anelamento Hércules e Phylloscopus.

O proxecto  supuxo un forte investimento en tempo, traballo e xestión da información obtida dos 173 exemplares de Larus michahellis anelados nas diferentes campañas (2010-2014). Esforzos que se ven recompensados grazas aos máis de 80 observadores que nos teñen remitido citas das “nosas” patiamarelas nestes últimos anos, dende diversos puntos da xeografía peninsular.

Dun xeito artesanal nos primeiros anos de vida do proxecto, as historias vitais das nosas ZR colleron forza e dinamismo coa plataforma virtual desenvolvida polo compañeiro Juanda Presa, a cal permitiu a súa elaboración dun xeito automatizado. Dende ese momento todo interesado tivo a súa disposición a web anelas.gnhabitat.org (habilitada en galego, castelán, portugués e inglés), xa fose para simple curiosidade ou co gallo de fornecer cos seus rexistros a información dispoñible.

Datos sobre os exemplares anelados, listaxe de rexistros, patróns de desprazamento, galería de imaxes e demais información pode ser consultada en aberto nesta web… Adiante!

Visítaa e fai as túas propias consultas.

Grazas a tod@s os implicados por facelo posible!