O pasado 10 de setembro fomos agasallados co V Premio Gabriel Barreiro Toural, “Garabato” polos compañeiros de Alentía e Metátese Teatro xunto a Orde das donas e cabaleiros do priorato de Vilar de Donas “Os lobos”. Este premio concédese a “aquelas persoas e organizacións ou asociacións que estimen teñen a suficiente luz para manter e coidar, para mimar, gardar e defender o patrimonio, tanto natural como cultural, na honra e lembranza de Gabriel Barreiro Toural, el foi técnico de luz e son de Metátese Teatro”.

Entre os argumentos empregados polo XURADO destacan:

“Ao Grupo Naturalista HÁBITAT impórtalle a vida que silenciosa flúe ao noso arredor, ou xusto no val que temos aí a ese outro lado, á beira, ou no monte que nos protexe e o río e lagoa que ofrecen e entregan a natureza que neles espreguiza e se estarrica; ….

…Nesta sociedade tan inmediata e onde pretenden darnos todo feito sen criterio persoal, onde intereses individuais e capitalistas se apegan coma unha lapa, precísanse asociacións e grupos de acción coma este, HÁBITAT, que lembren a raíz humana na terra, o carácter social, a harmonía coa natureza, o que somos e a fondura dos pasos que imos dando, a pegada que ao camiñar nos vai sinalando. Sentirse parte construtiva da natureza é outro estado, outra existencia, o mellor xeito de convivir.

Grazas polo voso labor. Grazas por nos honrardes coa vosa presenza, na terra viva e aberta, no noso niño montesío e de valgadas, de auga e herbas, de árbores e animais que nos alentan.”

Preciosas verbas que nos dan aínda máis folgos para seguir adiante na nosa labor de conservar o medio natural, seguir desfrutando del cada día ao voso carón e protexelo colaborando con outras entidades compañeiras. Pensando nisto, dende a nosa iniciativa Habitat Protexe, de apoio ás entidades de custodia, entendemos que o mellor destino en que poderiamos empregar os 1000€ cos que está dotado o premio, sería apoiar aos compañeir@s e amig@s de Quercus Sonora,  que traballan na propia zona da Ulloa, onde están radicadas as entidades que nos outorgaron a mención. Ademáis, dende Hábitat sumamos outros 1000€ aos xa concedidos como xesto de gratitude hacia o traballo que están levando a cabo dende Quercus Sonora.

En total doaranse 2000€ a dita entidade que servirán para mercar e conservar parcelas de bosque autóctono na comarca da Ulloa.

Xunt@s podemos seguir conservando o noso!