Pequenos, coloridos e sorprendentes, os nudibranquios son un grupo de moluscos que, a pesar do seu pequeno tamaño, presentan unha enorme diversidade de formas, cores e estratexias de vida. Son animais exclusivamente mariños e carecen de cuncha na súa fase adulta, polo que desenvolveron curiosas adaptacións para defenderse dos depredadores e sobrevivir no medio mariño.
No Golfo Ártabro podemos atopar unha notable diversidade destes animais, moitos deles diminutos e difíciles de localizar se non sabemos onde e como buscalos.
Para achegarnos ao mundo destes curiosos habitantes do noso litoral, organizamos o faladoiro divulgativo “Pequena introdución aos nudibranquios”, no que coñeceremos mellor este grupo de animais, as súas características, diversidade e ecoloxía, así como algunhas das especies que podemos atopar nas nosas costas. Será o venres 18 de setembro de 2026 ás 18:30 h en Santa Cruz (Oleiros), da man de Ricardo Ferreiro, presidente do Grupo Naturalista Hábitat e investigador deste particular grupo de animais mariños na contorna do Golfo Ártabro, que compartirá os seus coñecementos e experiencia no estudo destes pequenos habitantes do noso litoral.
Ademais, poñeremos a disposición dos asistentes as láminas e trípticos que acabamos de editar sobre este fascinante grupo de animais mariños.
A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e pola Xunta de Galicia.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
Coidar dos mares depende de todos nós!

Leave A Comment