O 14 de setembro realizamos unha xornada de voluntariado ambiental dedicada ao acondicionamento dunha pequena poza para anfibios no Parque Natural das Fragas do Eume, en Monfero. A actuación aproveitou unha zona de encharcamento existente e tivo como obxectivo mellorar este pequeno hábitat húmido.
Os traballos consistiron na escavación manual dunha cubeta de aproximadamente 3 m², o acondicionamento do seu contorno e a consolidación dos bordos con pedras recollidas na zona. Tamén se adecuou unha canle de desaugadoiro. A intervención realizouse con ferramentas manuais, adaptándose ás condicións do terreo.
Na xornada participaron varias persoas voluntarias e integrantes do equipo de Hábitat. O traballo conxunto permitiu completar o acondicionamento da poza e poñer en valor a importancia dos pequenos puntos de auga para a fauna.
A finalidade desta actuación é favorecer a dispoñibilidade dun microhábitat húmido que poida ser empregado por anfibios e outros animais. O seu funcionamento dependerá das achegas de auga e das condicións estacionais; será o seguimento posterior o que permita comprobar a evolución da poza e o seu uso pola fauna.
Estas actuacións forman parte do proxecto de restauración ecolóxica e mellora da biodiversidade no Parque Natural das Fragas do Eume, desenvolvido polo Grupo Naturalista Hábitat en colaboración con Betula e a iniciativa As Fragas Perdidas. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea a través do FEADER, no marco do PEPAC 2023–2027, coa participación da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Leave A Comment