Este sábado 19 de outubro dende o noso proxecto “Vixías dos nosos ríos” volvemos a plantar cara a un dos problemas máis importantes dos nosos ríos, as especies exóticas invasoras. Nesta ocasión, centrarémonos na Crocosmia x crocosmiiflora e no bambú (Phyllostachys sp.), dúas especies moi abundantes e problemáticas nos bosques de ribeira ao competir polos recursos cas plantas autóctonas. Esta actuación de voluntariado ambiental desenvolverase nun bosque de ribeira de boa calidade pero con afeccións localizadas.

Nas actividades previas do noso proxecto no río Belelle (obradoiros para os Colexios Maciñeiras, Semente Trasancos e na limpeza simultánea de ríos) comprobamos que é un dos ríos en mellor estado do noso proxecto. No punto de mostraxe obtivemos como resultados un bosque de ribeira de boa calidade (IQBR 85 puntos), un estado químico moi bo e un dos índices de macroinvertebrados mais altos (IBMWP 148 puntos) que indican un bo estado ecolóxico.

Sen embargo, tamén constatamos múltiples impactos estructurais que afectan ao río e ao seu bosque. Reducir a presenza de especies exóticas invasoras vai mitigar unha das ameazas que ten a biodiversidade deste ecosistema.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o sábado 19 de outubro do 2024, de 10:30h a 13:30h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Esta ruta encádrase no programa de actividades de Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.

Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org│639 13 16 88

Agardámoste!