Continuamos cunha nova tertulia baixo o programa “Falando de natureza”. Nesta ocasión poñeremos o foco nos nosos benqueridos ríos, centrando a atención no treito baixo río Mero, a cabalo entre a ría do Burgo e o encoro de Abegondo-Cecebre. Falaremos do seu estado tempo atrás, así como da súa situación actual e do seu posible futuro, cun repaso á ocupación, os cambios e as barreiras que se produciron nas súas beiras e curso. Unha breve ollada á historia natural desta corrente, acompañada de propostas de restauración de zonas húmidas.

E para facer este paseo fluvial contaremos coa compañía de:

  • Álvaro Martínez: sensibilizado dende novo coa protección do medio ambiente, foi socio e colaborador de diferentes entidades para a conservación dos ríos. É natural de Ledoño, e en consecuencia ribeirán do río Valiñas (afluente do río Mero), sendo coñecedor dos problemas que lles afectan a estes cursos fluviais.
  • Tono Chouciño: veciño do rueiro da Cros (Culleredo), a carón mesmo da ría do Burgo, e membro do Colectivo das Pedras Galladas. Ten participado da Plataforma de Defensa da Ría, así como en accións reivindicativas do saneamento da ría do Burgo, e da divulgación sobre a evolución do proxecto de dragaxe do esteiro. Colabora na procura de información sobre a península da Bunge e na identificación de historia, microtoponimia, natureza e coñecementos diversos sobre a ría.
  • Cosme Damián Romay: biólogo, inmerso na realización da súa tese de doutoramento sobre aves galegas na Universidade da Coruña. Como afeccionado á ornitoloxía visita acotío a ría do Burgo e o encoro de Abegondo-Cecebre, participando ademais en iniciativas de educación ambiental, ciencia cidadá e conservación da biodiversidade nestes e outros espazos naturais. É socio do Grupo Naturalista Hábitat e colaborador do Colectivo das Pedras Galladas.

A actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro mércores 2 de febreiro, ás 20h, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial das Zonas Húmidas. As intervencións estarán moderadas pola bióloga e membro de Hábitat, Elia Pérez.

Con motivo da situación sanitaria actual a tertulia será en formato online. Se estás interesado en participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito a través dos seus chats. Rematado o faladoiro a moderadora dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas. 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Agardámoste!