Encontros xullo 2016

O vindeiro domingo 24 de xullo, de 10 a 14h, levaremos a cabo unha nova xornada dos nosos Encontros Naturalistas. Nesta ocasión, da man da Fundación Fragas do Mandeo, traballaremos na erradicación de especies de flora exótica invasora na contorna do río Mandeo en Chelo -Coirós-, centrando os esforzos na coñecida como Crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora). Convén salientar que as especies exóticas invasoras supoñen, segundo diversas fontes, a segunda causa de perda de biodiversidade a nivel mundial, polo que as actuacións en prol do seu control e eliminación son unha necesidade para a conservación do noso patrimonio natural.

A Fundación Fragas do Mandeo, entidade de referencia na posta en marcha de accións no eido da coñecida “custodia do territorio“, leva anos traballando pola creación dun fondo de conservación da natureza na comarca de As Mariñas, enorme labor que compaxinan co desenvolvemento de diferentes campañas, sendo unha delas a da eliminación da Crocosmia e demáis flora invasora, na que levan traballando dende hai tres anos contabilizando os esforzos investidos e os resultados obtidos, que melloran ano a ano grazas a implicación dos voluntarios.

Coa posta en marcha desta xornada preténdese axuntar esforzos, arrimar o ombreiro e aportar un gran máis de area na nosa achega á mellora do patrimonio natural….Axúdasnos?

A actividade é de balde e aberta ao publico. Aínda así, e para acadar un bo densenvolvemento da mesma, as prazas son limitadas, sendo imprescindible a reserva a través do seguinte formulario:

Solicitude de praza

A data limite para a reserva de praza son as 14h do sábado 23 de xullo de 2016.

Todos os participantes contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil a cargo do G.N.Hábitat. Así mesmo, a organización aportará todo o material necesario (luvas e ferramenta) para o correcto desenvolvemento da xornada. Pola súa banda, os asistentes deberán levar roupa cómoda, calzado axeitado, auga e comida para a xornada, así como achegarse ata o punto de encontro (que se especificará no email de confirmación da praza) polos seus propios medios. Se tes problemas de desprazamento, pero queres gozar igualmente da xornada, ponte en contacto connosco e faremos o posible por axudarche.

Anímate e ven connosco!

Descarga o cartaz da actividade (pdf): descargar

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en inscricion@gnhabitat.org