A vindeira semana continuremos a iniciativa “Falando de natureza” cunha charla-coloquio moi especial. Nela preténdese un achegamento aos valores naturalistas presentes na obra de Martín Sarmiento ou Padre Sarmiento (Pedro José García Balboa), que ata hoxe día non se teñen salientado como merecen. Destacan del tanto a súa actitude persoal cara o estudo da natureza (herbario, adquisición das mellores “guías de natureza”, recollida e estudo de cunchas, posesión dun pequeno museo persoal de ciencias da natureza), coma a súa defensa no século XVIII da necesidade do estudo da Historia Natural, sendo promotor do Real Xardín Botánico e do Museo Nacional de Ciencias Naturais, incitador dos estudos de Xeografía e divulgador de Botánica e Zooloxía por medio de numerosas monografías e artigos: A Carqueixa, A Seixebra, o Arbol Betula, O mono papión, o Rinoceronte, A transmigración dos atúns, O páxaro flamenco, As baleas de Zumaia, e un longo etcétera. Todo o que nos acomoda, sen dúbida, diante dun devanceiro do naturalismo ao que lle senta ben o título de Primeiro Naturalista de Galicia (e de España), e fornece de argumentos para que a data do seu natalicio, 9 de marzo, os naturalistas podamos considerala con toda tranquilidade e xustiza coma o Dia do Naturalismo Galego, pois dalgún modo ao nacer Perucho, nacimos todos.
E para falarnos desta abraiante figura que foi o Padre Sarmiento, da súa obra e legado, e das motivacións para declarar esta festividade naturalista o 9 de marzo, teremos a sorte de contar connoso ao impulsor da iniciativa e relator na xornada:
Rafael López Loureiro. Mestre de escola rural (xubilosamente xubilado). Apaixoado da natureza e autor do blogue “Ao noroeste do Noroeste” (fiestra aberta ao mundo, onde aborda temáticas variadas, con especial fincapé no ámbito ambiental). Divulgador nos eidos da didáctica, a etnografía, a historia e a natureza. Membro da actual Comisión de Ornitonimia da Real Academia Galega.
Dende tempo atrás considérase un estudoso entusiasta da obra do Padre Sarmiento, o que lle levou a ser o impulsor da iniciativa do Día do Naturalismo Galego coma “un andar civil non burocrático e de adhesión de vontades libres”, que acubilla hoxe día numerosos apoios persoais e institucionais de peso. Un data para facer do naturalismo (e dos naturalistas) unha realidade visible perante a sociedade.
O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o vindeiro martes 7 de febreiro, ás 20:30h, nun formato exclusivamente online, polo que non é preciso inscrición. Poderás conectar libremente a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito a través dos chats destas redes. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.
Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Agardámoste!
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Leave A Comment