Hábitat pide a protección das zonas húmidas no seu Día Mundial e a restauración da lagoa de Antela.
O 2 de febreiro celébrase o Día Mundial das Zonas Húmidas, para conmemorar o aniversario da sinatura en 1971 do Convenio de Ramsar (Irán), destinado á protección das zonas húmidas a nivel global [1].
As zonas húmidas, entre as que se atopan marismas, mangleirais, pantanos, brañas, turbeiras, nacentes, veigas, lagoas e lagos, están entre os espazos con maior diversidade biolóxica do planeta Terra, e os seus servizos ecosistémicos poden valorarse en miles de millóns de euros anuais. Porén, o seu ritmo de destrución foi aceleradísimo no último século, perdéndose ou degradándose o 90% das zonas húmidas existentes no mundo en 1900 [2].
Peticións de Hábitat:
1.Protección das zonas húmidas
O Grupo Naturalista Hábitat considera imprescindible que se garanta a protección de todas as zonas húmidas existentes en Galicia, a través de tres pasos:
- Catalogación urxente dos máis de 1100 espazos húmidos listados no Inventario dos Humidais de Galicia de 2003 como Zonas Protexidas, ben sexa baixo a figura de “Zona Húmida Protexida” e/ou como áreas de protección dentro dos Planos Hidrolóxicos de Bacía en territorio galego (Galicia-Costa e Miño-Sil) [3].
- Ampliación do Inventario dos Humidais de Galicia, mediante un novo estudo.
- Reforzamento da protección das actuais Zonas Húmidas Protexidas, garantindo a boa calidade das augas e a ausencia de impactos sobre os hábitats e os seres vivos que alí habitan.
2. Restauración das zonas húmidas, especialmente Antela
Ademais, Hábitat pide que as administracións estatal e autonómica, así como as provinciais e locais, se impliquen desde xa ata (ao menos) 2030 na restauración de ecosistemas, seguindo as liñas estratéxicas globais aprobadas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Neste senso, pide que se cumpra o Plan estratéxico de Zonas Húmidas 2030 en España, aprobado pola Conferencia Sectorial de Medio Ambiente de 23 de novembro de 2022, e promovida polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico [4, 5, 6].
Neste plan inclúese a restauración parcial da desaparecida lagoa de Antela, na comarca da Limia, drenada entre os anos 1957 e 1962 para aumentar a superficie de cultivo nesta bisbarra [7, 8, 9]. Concretamente, e dentro do documento de medidas aprobado, está a seguinte meta de restauración das zonas húmidas: “(…) débese conseguir restaurar parcialmente antes de 2030 a lagoa de Antela e áreas da súa contorna na depresión da Limia (ao menos 500 ha) (…) establecéndose como obxectivo inicial para iso o desenvolvemento dun conxunto de traballos que permitan iniciar a senda para a recuperación paulatina dos (…) enclaves citados, a partir de actuacións concretas que sexan realistas, de elevada factibilidade ambiental, técnica e social e contando con todos os actores e administracións implicados” [5, 6]. Restaurar 500 das 3795 hectáreas orixinais da lagoa de Antela, na comarca da Limia, sería, a xuízo do Grupo Naturalista Hábitat, unha oportunidade única para recuperar parte da riqueza que atesouraba este espazo [7, 8, 9].
3. Outras das zonas húmidas a restaurar
Ademais, Hábitat pide que as administracións se impliquen en restaurar antes de 2030 outras zonas húmidas, as seguintes:
- Na propia comarca da Limia:
- Veigas do sueste da lagoa de Antela (Sarreaus, Trasmiras e Xinzo de Limia) (1063 ha de zonas húmidas amplamente degradadas) [9].
- Veigas do suroeste da lagoa de Antela (Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Xinzo de Limia e Porqueira) (896 ha parcialmente degradadas).
- Veigas do sur da lagoa de Antela (Trasmiras e Xinzo de Limia) (246 ha amplamente degradadas).
- Noutras partes de Galicia:
- Veigas de Lama Boa, Xocín e Froufe, en Baños de Molgas (193 ha amplamente degradadas).
- Veigas de Arriba, de Abaixo e da Cruz, en Dodro/Padrón (181 ha parcialmente degradadas).
- Braña do Boedo, en Guitiriz (167 ha parcialmente degradadas).
- Sector central de Baldaio, en Carballo (74 ha parcialmente degradadas).
- Marisma norte da enseada de Mera, en Ortigueira (58 ha amplamente degradadas).
- Marisma de Praceres, en Pontevedra (45 ha totalmente degradadas).
- Brañas de Berreo, en Trazo (43 ha amplamente degradadas).
- Lagoa de Alcaián, en Coristanco (37 ha parcialmente degradadas).
- Xunqueira do Carregal -río Mendo-, en Betanzos (18 ha totalmente degradadas).
- Veigas e ribeira sur da lagoa de Traba, en Laxe (12 ha parcialmente degradadas).
- Canaval do Pinguel, en Ponteceso (3 ha totalmente degradadas).
A este global de case 3000 ha, hai que sumarlle as 500 a restaurar na lagoa de Antela. Así e todo, hai unha superficie aínda maior de pequenas brañas, pozas e lagoas degradadas por restaurar noutras parte de Galicia. O Grupo Naturalista Hábitat está a traballar para identificalas e unilas a esta listaxe.
Fontes:
[2] ¡SOS HUMEDALES! Hemos perdido el 90% de los que existían
[3] ADEGA promove a catalogación e inventario de humidais para dotalos de protección
[4] Plan Estratégico de Humedales a 2030
[5] Plan Estratégico de Humedales a 2030. pdf
[6] BOE Plan Estratégico de Humedales a 2030
[7] Villarino, A.; González, S. & Bárcena, F. 2002. Vertebrados da Limia. Dende a lagoa de Antela ós nosos días. I – Aves: Gaviiformes a Piciformes. Limaia Produccións, Sandiás. ISBN: 84-607-5811-7.
[8] O libro “Antela. A memoria asolagada” cumpre 25 anos
[9] A Lagoa de Antela e o complexo húmido de A Limia

Leave A Comment