Velaquí unha breve crónica de resultados do II Encontro Bienal de Aneladores “CHRISTOPHER MEAD”.

  • Puxéronse un total de 10 redes,  en zona esencialmente forestal -preto do río Cinsa-, sumando en total 144 metros.
  • Os Grupos de Anelamento Hércules e Phylloscopus recolleron un total de 83 aves de 15 especies diferentes, sobre todo residentes, sendo as migratorias apenas 4 Ficedula hypoleuca e 1 Phylloscopus trochilus. A especie máis capturada foi Erithacus rubecula, con 23 aves aneladas, seguida de Aegithalos caudatus con 13. Subliñar os 4 Alcedo atthis diferentes recollidos.
  • O número total de aves recollidas foi sensiblemente maior ao do I Encontro de Aneladores “Christopher Mead”, celebrado os días 5 e 6 de setembro de 2015, cando se capturaron 79 aves. Así e todo, houbo 144 metros de rede e 18 horas de actividade aneladora neste 2017 fronte a 108 metros de rede e 12 horas de actividade en 2015. O número de especies foi idéntico (15), se ben en 2017 só se capturaron dúas especies de papuxas, fronte as catro do 2015.

Como nota amarga, comentar o roubo e rotura de diverso material de traballo que sufriron os compañeiros dos Grupos de Anelamento, pero que sen dúbida non foi suficiente para empanar o bo clima destas xornadas.

Dende aquí o noso máis sincero agradecemento a todos os compañeiros asistentes, e moi especialmente aos aneladores e colaboradores que, unha vez máis, invertiron o seu tempo e coñecementos neste Encontro.

Dentro de dous anos, máis e mellor!