O Grupo Naturalista Hábitat, da man do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, comprácense en organizar un novo concurso de fotografía da natureza na contorna da Torre de Hércules. Un evento que pretende poñer en valor a fauna, flora e hábitats deste espazo natural, a través da fotografía.

Pequenos e maiores de todas as idades, inexpertos ou avezados na fotografía da natureza, poderán formar parte nesta actividade, a fin de captar a riqueza natural desta contorna. Sós ou en familia, empregando unha cámara de fotos ou co mesmo teléfono móbil. Non tes excusa! 

O concurso se celebrará o sábado, 27 de setembro do 2025. Toda persoa que desexe participar deberá ler detidamente e cumprir co recollido nas Bases Reguladoras do evento (onde se establecen os detalles do concurso), así como formalizar a inscrición online que figura accesible nas mesmas.

A participación é de balde e aberta ao público, así e todo as prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

De entre tódalas fotografías participantes se escollerán as tres imaxes que pasarán a ocupar os tres primeiros postos no concurso. Os autores destas tres fotografías serán agasallados cun lote de produtos, e faráselles entrega dun diploma acreditativo que certifique a súa participación e recoñecemento neste evento.

Prégase seriedade e compromiso na participación. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Anímate e ven connosco!