Continuando coa nosa traxectoria de colaboración coa comunidade universitaria, desta volta presentámosvos un novo capítulo cuxa orixe se remonta tempo atrás, concretamente ao ano 2020, cando culminou unha fermosa iniciativa que levaría ao establecemento dun paso de fauna a carón do encoro de Cecebre. Unha infraestrutura que se fixo realidade grazas aos esforzos de Hábitat, da man doutras institucións e particulares, dirixida a minimizar o impacto da rede viaria sobre a nosa benquerida lontra (Lutra lutra). Unha andaina que tivo un longo percorrido, e que poderedes ver resumido na seguinte ligazón á nosa web: acceso á nova (Data de publicación: decembro 2020).
Instalada a infraestrutura, resultaba imprescindible poñer en marcha un mínimo seguimento deste paso recentemente instalado, a fin de avaliar a súa efectividade e uso por parte da especie. Con este obxectivo, entrado xa o ano 2021 dende Hábitat levamos a cabo un estudo aplicando a técnica do fototrampeo, consistente na instalación de cámaras automáticas dotadas de luz infravermella e sensores de movemento destinadas ao rexistro da fauna silvestre. Para ledicida de todos os resultados deste traballo permitiron constatar un uso habitual e recurrente deste paso de fauna por parte da lontra, que tamén era aproveitado por especies doutros grupos faunísticos. Novamente o resumo deste traballo foi recollido nunha publicación na nosa web, á que se pode acceder na seguinte ligazón: acceso á nova (Data de publicación: novembro 2022)
Co paso do tempo, xa no ano 2023 e lonxe de esquecernos desta infraestrutura que tan boas novas nos tiña reportado, dende Hábitat retomamos as tarefas de fototrampeo a fin de continuar coa avaliación do paso de fauna, mostrexando un período comparable ao establecido no pasado 2021, o que permitiu aglutinar finalmente unha gran cantidade de información de interese ambiental. E velaquí o comezo da colaboración con Nuria. O seu traballo Fin de Grao en Bioloxía (vencella do á Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña), tutorizado academicamente polo Dr. Alejandro Martínez Abraín, e que leva por título “Patróns de uso dun paso de fauna por vertebrados nunha estrada do noroeste ibérico”, procuraría un estudo detallado destes períodos incorporando tamén na análise a influencia de diversas variables ambientais.
Os resultados do traballo de Nuria sen dúbida permitirán arroxar máis luz sobre o impacto das intervencións realizadas, a súa ligazón coa conservación da lontra e a conveniencia de replicar estes pasos de fauna noutras contornas con risco de atropelos. Resultados que proximamente presentaremos no noso local… Estade atentos!

Leave A Comment