Una ano máis, no marco da metodoloxía Aprendizaxe-Servizo, retomamos a nosa colaboración coa Área de Botánica da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, dando continuidade a unha longa relación de traballo conxunto nestes últimos anos.

Da man novamente da Dra. Elvira Sahuquillo Balbuena e o Dr. Manuel Pimentel Pereira, docentes e investigadores na UDC, catorce estudantes do Grao en Bioloxía e da materia de Botánica Sistemática: Fanerogamia, realizarán estudos de campo baseados na análise da vexetación diferencial en parcelas que teñen experimentado distintos tratamentos dentro do proceso de eliminación da especie exótica invasora coñecida como Carpobrotus edulis (herba do coitelo), accións que leva a cabo o G.N.Hábitat da man de voluntariado ambiental na contorna do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Torre de Hércules, no marco das actividades en convenio coa Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña. 

O alumnado implicado traballará na identificación das especies presentes e tentará continuar coa avaliación do proceso de recuperación da comunidade vexetal, analizando se efectivamente se está favorecendo ás especies nativas. Tamén realizarán análises edáficas sinxelas, concretamente a medida da pH e da materia orgánica. 

Este vínculo G.N.Hábitat-UDC é para nós a simbiose perfecta, xa que fomenta n@s alumn@s unha aprendizaxe máis significativa ao aplicala a contextos reais, permite ao alumnado prestar un servizo cara a sociedade a prol da conservación dos espazos naturais públicos, e posibilita (grazas á investigación científica) avaliar o resultado das intervencións dirixidas ao control desta especie exótica invasora.

Esta nova iniciativa ven a sumarse a outras sinerxias xa establecidas con outras institucións na mesma liña de traballo fronte ás especies invasoras, como foi a colaboración no desenvolvemento do Traballo de Fin de Máster (TFM) de Miguel PenasEcological succession dynamics after Carpobortus edulis eradication programs: effects on plant community assembling and plant-herbivore interactions”, dirixido polos investigadores e docentes Sergio Rodríguez Roiloa e Jonatan Rodríguez Parra no marco do Máster universitario en biodiversidad terrestre: caracterización, conservación y gestión (estudo interuniversitario no que participan as Universidades da Coruña, Vigo e Santiago).