Este xoves teremos na nosa sede unha máis que interesante charla, onde se presentará o estudo e resultados do Traballo de Fin de Máster (TFM) de Miguel Penas BoadoDinámicas na sucesión ecolóxica despois de programas de erradicación de Carpobrotus edulis: efectos na ensamblaxe da comunidade vexetal e nas interaccións planta-herbívoro”. Un traballo dirixido polos investigadores e docentes Sergio Rodríguez Roiloa e Jonatan Rodríguez Parra, quen tamén participará neste relatorio.

O traballo encádrase no desenvolvemento do Máster universitario en biodiversidad terrestre: caracterización, conservación y gestión (estudo interuniversitario no que participan as Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela), e pretende determinar o proceso de sucesión das comunidades vexetais unha vez que se retira a especie exótica invasora Carpobrotus edulis, e como evolucionan as comunidades de insectos e as interaccións planta-insecto acompañando a este proceso de sucesión vexetal. Para isto, o TFM aproveitou na súa área de estudo diversos espazos de traballo nos que o Grupo Naturalista Hábitat leva desenvolvidas numerosas accións de retirada desta especie invasora nos últimos anos, da man do voluntariado ambiental, con especial fincapé no ENIL Torre de Hércules.

A charla, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro xoves 15 de decembro, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-. Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Agradécese a asistencia do público de xeito presencial, xa que teremos a oportunidade de ter en persoa connosco aos relatores. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.

Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Agardámoste!

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014