Comezamos con forza o 2022 retomando as nosas tertulias ambientais, no marco da nosa iniciativa “Falando de natureza”. Nesta ocasión faremos unha longa e apaixoante viaxe ata Cuba, concretamente á coñecida como Ciénaga de Zapata, a maior zona húmida de Cuba e do Caribe insular, e unha das maiores de América Latina. Espazo declarado Parque Nacional no 1936, Reserva de Biosfera pola UNESCO no 2000 e espazo Ramsar no 2001. Unha abraiante contorna natural que acolle bosques pantanosos, áreas palustres e áreas mariñas someiras sobre formacións calcáreas. 

E para esta expedición, que virá chea de anéctodas sobre a avifauna deste espazo, teremos a sorte de contar cuns guías de excepción:

  • Orestes Martínez (El Chino Zapata): naturalista nativo da Ciénaga, con 40 anos de experiencia como guía ornitolóxico. É tamén un referente nos programas de educación ambiental en Zapata. Ten publicado varios artigos sobre aves ameazadas de Cuba, como a ferminia e o zunzuncito, especeis sobre as cales ten elaborado recentemente senllos documentais.
  • Gilberto Forneris: profesor emérito de medicina veterinaria na Universidade de Turín, onde está especializado en acuicultura e ecoloxía. Desde 1996 está activo en proxectos científicos, educativos, sociais e culturais con Cuba. En 2003 converteuse en profesor convidado da Universidade Agraria de La Habana e honrado como Fillo Ilustre da provincia de La Habana.
  • Cosme Damián Romay: biólogo, inmerso hoxe día na realización da súa tese de doutoramento sobre aves na Universidade da Coruña. A súa relación con Cuba ven sendo moi intensa nos últimos anos, realizando unha visita naturalista no ano 2019 e participando en estudos biolóxicos relativos á illa.

A actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar o vindeiro mércores 19 de xaneiro, ás 20:30h. Con motivo da situación sanitaria actual a tertulia será en formato online. Se estás interesado en participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito a través dos seus chats. Rematado o faladoiro o moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas. 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén: