A Liga das Sebes chega ás aulas dos centros educativos de Curtis cuns faladoiros sobre a importancia das sebes vivas na paisaxe agraria galega.

Visitaremos o CEIP de Teixeiro e o IES de Curtis para compartir co alumnado o valor que teñen estas estruturas vexetais tradicionais —liñas de árbores e arbustos autóctonos que delimitan as fincas, protexen os cultivos e serven de refuxio para a fauna— e como a súa recuperación pode axudar a crear un campo máis fértil e cheo de vida.

Estes faladoiros forman parte da programación divulgativa da iniciativa A Liga das Sebes, promovida polo Instituto de Estudos do Territorio no marco do proxecto europeo GIFT – Green Infrastructure for Forest and Trees, co apoio da Consellería do Medio Rural, o Concello de Curtis e diversas entidades locais.

A través destas sesións, búscase fomentar o coñecemento sobre o valor das sebes autóctonas e inspirar novas xeracións comprometidas coa conservación da nosa paisaxe rural.