O vindeiro domingo, aproveitando unha mellora na previsión meteorolóxica, retomamos os nosos Encontros Naturalistas cunha nova andaina pola natureza. Nesta ocasión faremos un breve itinerario polo paseo marítimo do Portiño, a carón do mar. Será unha ruta pausada, de conversa entre os asistentes, aproveitando o percorrido (aproximadamente 1,5km lineais, de baixa dificultade, polo paseo e camiños existentes na contorna) para falar de flora, fauna, e de todo aquilo que nos depare a mañá, sen deixar de botarlle un ollo ás veciñas Illas de San Pedro, declaradas Espazo Natural de Interese Local.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo 12 de xaneiro, de 10:30 a 13:30h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado.
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment