A lagoa de Alcaián, tamén coñecida como A Braña Rubia, é o espazo natural de maior valor do concello de Coristanco e un dos máis sobranceiros da comarca de Bergantiños. As súas máis de 50 hectáreas de áreas asolagables acubillan unha flora única, con endemismos como Centaurea ultreiae e especies ameazadas como Lycopodiella inundata. Entre a fauna, os anfibios como as ras vermella e patilonga, e a estroza, todas elas vulnerables, destacan nunha contorna na que, en tempos non tan pretéritos, viron criar xoias orníticas como a tartaraña cincenta e o sisón. Esta palestra pretende sintetizar estes valores naturais e listar aqueles que se viron estragados dende a primeira proposta de inclusión de Alcaián na Rede Natura 2000, hai xusto 15 anos.

E para achegarnos á realidade ambiental desta contorna, convidámoste a unha nova xornada “Falando de natureza” na que teremos como relatores aos biólogos, avezados naturalistas e compañeiros do Grupo, Cosme Damián Romay Cousido e Antón Vázquez Corral.

O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o vindeiro mércores, 10 de maio, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Agradécese a asistencia do público de xeito presencial. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas..

Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Agardámoste!

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014