Un ano máis comprácenos anunciar a celebración da que será a V xornada baixo a iniciativa “Especie do Ano na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo“, que neste 2018 centra a súa atención nas rapinas nocturnas co obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento e posta en valor destas aves, e máis concretamente no Moucho (Athene noctua), escollida Especie do Ano 2018 nesta Reserva.
Dentro da iniciativa “Especie do Ano”, en marcha dende o pasado 2014, desenvólvense en cada campaña diversas accións, tales como a elaboración dun tríptico informativo sobre a especie elixida, a elaboración dun espazo web con información xeral, a recollida de datos coa participación cidadá e, finalmente, a celebración dunha xornada de relatorios con diferentes expertos na materia. Todos os materiais elaborados e as iniciativas propostas póñense a disposición do público, e poden ser consultados e descargados dende a seguinte ligazón: gnhabitat.org/especies-do-ano/
Deste xeito, convidámovos agora a participar na “Xornada sobre rapinas nocturnas en Galicia”, que terá lugar o vindeiro sábado 16 de xuño de 10 a 14 horas, na Aula da Natureza Juan Lembeye (C/Paseo da Ría do Burgo. 15670, Culleredo. ver mapa de localización). Nesta xornada non soamente teremos ocasión de coñecer polo miúdo ao pequeno Moucho, protagonista neste ano, senón tamén ao conxunto das rapinas nocturnas galegas, así como diversas e interesantes iniciativas levadas a cabo na nosa contorna.
A participación na xornada é de balde e aberta ao público, sendo as prazas abondosas aínda que limitadas (capacidade das instalacións), polo que se prega formalizar a inscrición previa a través do seguinte formulario online:
Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en inscricion@gnhabitat.org
- Descarga aquí o cartel co programa da xornada (pdf): descargar
Agardámosche!!!

Leave A Comment