O vindeiro luns 21 de maio, Día Europeo da Rede Natura 2000, achégate connosco á presentación do libro “VIDA SILVESTRE DEL EMBALSE DE CECEBRE – DIBUJANDO LA NATURALEZA”, recentemente publicado, que pretende centrar a atención neste espazo natural protexido, co certame de debuxo da natureza que leva o seu nome como fío condutor.
Ao longo das máis de 120 páxinas ilustradas, esta publicación pretende ser un espello no que reflectir a realidade do encoro de Cecebre, ao tempo que unha posta en valor do patrimonio natural presente na súa contorna (da man da flora e fauna), sen esquecer as súas características como infraestrutura, as súas ameazas e retos de futuro.
Salpicado por numerosas obras de nenos e maiores de todas as idades, achegados nos cinco anos de vida do certame de debuxo da natureza Vida Silvestre do encoro de Cecebre, este libro conta, capítulo a capítulo, unha fermosa historia naturalista froito dunha simple idea: ilustrar a natureza para fomentar o seu coñecemento…Coñecer para Respectar, Respectar para Conservar.
O evento, de balde e aberto ao público, terá lugar ás 20:30h no local social do G.N.Hábitat (mapa), participando no faladoiro os diferentes implicados tanto na elaboración do libro como na organización dos cinco anos de vida do certame, que ven de botar a andar xa a súa sexta edición coa colaboración da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Para a asistencia á presentación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación (capacidade do local). O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate, ven connosco e somérxete nesta agradable lectura!


Leave A Comment