Logo de moitos anos formando parte da CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), dende fai unhas semanas o Grupo Naturalista Hábitat pretende consolidar agora unha implicación máis activa para asistir nos varamentos de cetáceos na zona norte de Galicia. E como inicio a esta proposta, o pasado mércores, colaboradores e membros da Xunta Directiva do Grupo Naturalista Hábitat gozamos das explicacións de Xandro, membro da CEMMA, que nos ensinou as directrices a seguir ante os posibles casos de varamentos de cetáceos e tartarugas mariñas que, por mor dos temporais e outras moitas causas, aparecen na nosa costa.

No que vai de ano, desafortunadamente, asistimos dous deles, no Porto de Oza, na Coruña, e na praia de Bastiagueiro, en Oleiros (A Coruña). As biometrías e a toma de mostras que se recollen nestes varamentos son de vital importancia para coñecer a situación actual deste grupo, e actuar ante estes feitos accidentais e tráxicos para os mamíferos e tartarugas mariñas.

Coa nosa contribución agardamos poder axudar na gran labor que desenvolven os compañeiros da CEMMA dende fai máis de 25 anos.