A chegada de novas especies exóticas invasoras ao medio mariño supón unha ameaza para os ecosistemas costeiros e tamén para as actividades que dependen deles. Entre elas, atópase a alga asiática Rugulopteryx okamurae, unha especie que xa está a provocar importantes impactos ecolóxicos e económicos en diferentes zonas da Península Ibérica.

Por este motivo, organizamos unha xornada especialmente dirixida ao sector pesqueiro e marisqueiro do Golfo Ártabro Sur, coa finalidade de dar a coñecer esta especie, a súa situación en Galicia e a importancia da súa detección temperá.

Será o luns 21 de setembro de 2026 ás 11:30 h na sede do GALP Golfo Ártabro Sur en Sada, e contará coa participación de membros de CRETUS e do Grupo de Investigación BIOAPLIC da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que están a traballar con esta especie no marco do proxecto ALGASDET, centrado na detección temperá de Rugulopteryx okamurae.

Durante o faladoiro abordaranse cuestións como a identificación de Rugulopteryx okamurae para diferenciala doutras algas presentes no noso litoral, cal é a súa situación actual en Galicia e no Golfo Ártabro, que se coñece sobre a súa distribución e evolución, os impactos ecolóxicos e económicos que pode provocar esta especie invasora e como actuar ante unha posible detección.

A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.

Esta actividade forma parte do proxecto Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA), e pola Xunta de Galicia. 

Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org981 135 014

Coidar dos mares depende de todos nós!