O Grupo Naturalista Hábitat pon en marcha un novo proxecto de restauración ecolóxica e mellora da biodiversidade no Parque Natural das Fragas do Eume, desenvolvido en colaboración coa Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula.
Ao longo dos próximos meses realizaremos diferentes actuacións en varias parcelas situadas no interior do Parque Natural, co obxectivo de favorecer a recuperación do bosque atlántico e mellorar as condicións do hábitat para a fauna e flora propias deste espazo protexido.
Entre as accións previstas están a eliminación de especies forestais exóticas, a plantación de árbores autóctonas produtoras de froitos para a fauna, a sementeira experimental de landras de carballo, o acondicionamento dunha pequena poza para anfibios e a instalación de caixas niño para aves e refuxios para morcegos. O proxecto incluirá tamén accións de seguimento da fauna mediante gravación acústica e varias xornadas de voluntariado ambiental, coas que queremos implicar á sociedade na conservación activa das Fragas do Eume.
Estas actuacións buscan contribuír á recuperación dos procesos naturais do bosque, incrementar a diversidade de hábitats e refuxios dispoñibles e avanzar na transformación de antigas superficies ocupadas por especies exóticas cara a ecosistemas forestais máis naturais e diversos.
O proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia e está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), coa participación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Nas próximas semanas iremos compartindo as distintas actuacións e resultados deste traballo de conservación no Parque Natural das Fragas do Eume.

Leave A Comment