Seguramente nestas datas xa terás previsto como e con quen gozarás da excepcional cita astronómica que terá lugar o vindeiro mes de agosto. Por suposto, estamos a falar da eclipse total de sol, que poderemos observar na Coruña en todo o seu esplendor. Así todo, compre ter en consideración certos riscos inherentes a estes espectaculares eventos, e que mellor que convidarte a un obradoiro no que poderás elaborar sinxelos recursos para “ollar”  dun xeito seguro. Atende!

Que son as caixas estenopeicas?

Son un sistema de visión indirecta do Sol por proxección, co que poderemos observar de xeito absolutamente seguro a vindeira eclipse do 12 de agosto. Cando usamos estas caixas, tamén chamadas “cámaras escuras” ou “cámaras de burato”, poñémonos de costas ao Sol, así que non hai ningún risco para o sistema visual (pois, convén recordalo, é extremadamente perigoso mirar o Sol de xeito directo sen a protección axeitada). Unha boa alternativa para calquera interesado, sobre todo para os máis cativos. Ademais é unha técnica máis sustentábel, pois emprega unicamente unha caixa de cartón e un anaco de papel de aluminio, materiais de fácil recollida e reciclaxe, a diferenza das lentes de eclipse. 

Imaxe cedida pola Agrupación Ío

Quen fai posible esta actividade?

Este obradoiro non sería posible sen a colaboración dos compañeir@s da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío <agrupacionio.com> . Organización nacida no 2002 para fomentar a afición, o estudo, a investigación e a divulgación da astronomía e as diversas ciencias afíns, así como a colaboración para divulgar e evitar a contaminación luminosa. Hoxe conta con máis de 200 persoas asociadas. Ao longo das súas máis de dúas décadas de existencia a Agrupación Ío recibiu diversos recoñecementos polo seu labor divulgativo: mención de honor nos Premios Prismas Casa das Ciencias á divulgación 2020 na categoría “Proxecto singular”, pola campaña en favor da estrela Rosalíadecastro; Premio Rosalía de Castro de lingua da Deputación da Coruña 2021 na categoría de entidades “por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e sen bagaxe no noso idioma” e o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas 2023 en recoñecemento ao traballo de galeguización da onomástica astronómica, o fito de lograr o nomeamento da estrela Rosalía de Castro, a visibilización das científicas galegas e a defensa da noite fronte á contaminación luminosa.

Concretamente, nesta xornada teremos a sorte de contar coa participación do seu socio e compañeiro de Hábitat, Martin Pawley, divulgador científico especializado en astronomía. Martin mantén dende 2019 unha columna mensual sobre contaminación luminosa na revista “Astronomía”, e escribe no Nós Diario tamén sobre estes temas. Xa no seo da Agrupación Ío, é o encargado de coordinar os grupos de traballo sobre contaminación lumínica e diversidade.

Por xentileza da Agrupación Ío, os participantes na actividade terán como agasallo cadanseu modelo de caixa estenopeica que deberán recortar, dobrar e pegar, seguindo as instrucións paso a paso que se impartirán na sesión. E ademais de levar a caixa, aprenderemos as claves deste fenómeno astronómico e as medidas de seguridade imprescindibles para practicalo con sentidiño.

A actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar o martes, 21 de xullo do 2026, no local social do Grupo Naturalista Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). Para facilitar a asistencia do público haberá dúas quendas: unha primeira de 16:30 a 18h, e unha segunda de 18 a 19:30h. Os interesados deberán escoller entre unhas das quendas dispoñibles, sen posibilidade de repetir o obradoiro. 

Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas en cada quenda son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!