O vindeiro luns 22 de xuño é o Día Mundial dos Bosques Tropicais, unha tradución non moi precisa do seu título orixinal, World Rainforest Day, que realmente debería ser Día Mundial dos Bosques Húmidos; porque hai bosques húmidos alén dos trópicos, e en Galicia temos unha mostra deles.

No marco do noso proxecto Fragas Perdidas, celebraremos ese día cunha nova cita de “Falando de natureza”, titulada As últimas selvas tépedas: os bosques atlánticos do mundo e de Galicia. para poñer en valor os bosques húmidos atlánticos e chamar a atención sobre a súa importancia e os desafíos de conservación aos que se enfrontan.

Contaremos con Alberto López Teixido, doutor en Bioloxía e profesor de Botánica na Universidade Complutense de Madrid. Investigador con máis de 60 artigos sobre bioloxía floral e conservación, Teixido iniciou a súa carreira estudando os fentos nas Fragas do Eume, espazo co que mantén un forte vínculo. A súa experiencia internacional inclúe o estudo de bosques húmidos en Australia, EE.UU. ou o Brasil, onde residiu oito anos traballando en ecoloxía tropical. Máis información: https://sites.google.com/view/alberto-teixido

 A actividade, de balde e aberta ao público, será o luns, 22 de xuño do 2026, ás 20:00 h, en formato online a través das nosas redes sociais. A participación online non require inscrición previa, sendo posible conectarse libremente a través dos directos.

Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014

Agardámoste!