O XIII Certame de Debuxo da Natureza “Vida silvestre da cunca do río Mero e o encoro de Cecebre”: Primavera no Encoro chega ao seu momento máis especial: a entrega de premios. Tras semanas de expectación e unha gran participación, por fin temos data para o acto no que recoñeceremos o talento e a creatividade de todos os artistas que plasmaron a maxia da primavera nesta contorna natural.
O evento celebrarase sábado, 28 de febreiro do 2026, ás 12:30h, na Sala de exposicións da Casa da Agua (edificio Casa da Auga, rúa Manuel Murguía s/n -planta baixa-. 15011, A Coruña: ver localización no mapa). Será unha xornada na que a arte e a natureza volverán unirse, creando un espazo de encontro para todos os que compartimos a paixón pola conservación e a ilustración científica. Durante o acto entregaranse os merecidos premios e diplomas aos gañadores das diferentes categorías, ademais de recoñecer o esforzo e a calidade de todas as obras presentadas nesta edición.
O certame, organizado polo Grupo Naturalista Hábitat, en colaboración con Emalcsa, volveu demostrar o poder do debuxo como ferramenta de divulgación e sensibilización ambiental. A través das súas ilustracións, os participantes amosaron a explosión de vida propia desta época do ano: flores que abrollan, aves que regresan para criar e insectos polinizadores que enchen de actividade os espazos naturais, reflectindo a diversidade e o dinamismo característicos da primavera.
A entrada será libre e gratuíta, aínda que o aforo estará limitado polo espazo dispoñible. Animámoste a asistir, especialmente se participaches no certame ou se queres coñecer de preto as marabillosas obras que formarán parte do calendario 2026 do Grupo Naturalista Hábitat.
Grazas a todos os que fixestes posible esta edición e, sobre todo, parabéns a todos os participantes!
Agardámoste para celebrar xuntos este evento tan especial!

Leave A Comment