Por segundo ano consecutivo seguiremos “facendo barrio” en Monte Alto (A Coruña), onde fica a nosa sede, colaborando unha vez máis no Halloween organizado polos comerciantes da contorna. Unha iniciativa especialmente dirixida aos máis cativos, na que poderán percorrer as rúas procurando lambonadas nos establecementos adheridos á iniativa. Un “truco ou trato” ao que se suman nesta décima edición ata 36 negocios do barrio.

A andaina polo barrio terá lugar a tarde do venres, 31 de outubro do 2025, comezando ás 17 e rematando contra ás 20h. Tempo no cal os nenos, disfrazados segundo desexen, poderán ir visitando local tras local, debendo levar consigo os pasaportes que ao longo destes días se están a repartir dende os locais participantes, e que serán selados en cada visita.

Dende Hábitat procuraremos facer unha benvida terrorífica a tódolos visitantes, sen esquecer a nosa filosofía ambiental na posta en escena.

Agardámosvos!