Velaquí unha nova proposta no marco dos nosos Obradoiros Ambientais, onde aproveitaremos a ilustración como ferramenta para achegarnos ao coñecemento da nosa flora e fauna. Unha mañá na que gozar en grupo dun ratiño de conversa ambiental, namentres poñemos en práctica o debuxo de natureza facendo cadaquén os seus bosquexos.
O material necesario para gozar da actividade será posto a disposición polo G.N.Hábitat, non sendo preciso que os asistentes se acheguen con máis cousas que ganas de debuxar e de pasar un rato agradable. Así e todo, quen teña e desexe traer o seu propio material de ilustración poderá facelo.
O fío condutor deste encontro será o “XIII Certame de Debuxo da Natureza”. As 16 especies silvestres que acubilla esta nova convocatoria serán os modelos para esta xornada de ilustración. Ao comezo da xornada compañeir@s do G.N.Hábitat darán as indicacións necesarias para o coñecemento do certame e presentarán a tódalas protagonistas, logo do cal comezará o tempo libre para o debuxo. As obras que non quedasen rematadas ao longo da xornada poderán levarse para casa, coa intención de que cada autor/a as termine antes do prazo límite establecido para a participación nesta nova edición.
A xornada, de balde e aberta ao público de calquera idade, terá lugar o sábado 3 de maio do 2025, ás 10:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Achégate a debuxar connosco!

Leave A Comment