Para rematar o proxecto Vixías dos nosos ríos, presentaremos os resultados da análise do estado ecolóxico e das accións de voluntariado ambiental en 15 ríos da provincia da Coruña. Faremos unha charla no local do Grupo Naturalista Hábitat, aberta ao público e que tamén será retransmitida online, na que Antón Prego e Roi Cuba presentarán os resultados do traballo de campo, no que se recolleron datos sobre indicadores biolóxicos e fisicoquímicos. Tamén se mostraran cales foron os principais impactos detectados e o resultado das actividades realizadas para mitigalos, nas cales se retiraron centos de kilos de lixo e de especies exóticas invasoras.
Despois de realizar 50 actividades nas que participaron máis de un milleiro de persoas, a través da ciencia cidadá obtivéronse datos moi importantes para axudar a mellorar o estado de conservación dos principais ríos da zona norte da provincia da Coruña (entre o Anllóns e o Sor). Aos obradoiros sumáronse actividades de voluntariado ambiental, nas cales as persoas voluntarias capacitáronse para identificar ameazas para os ríos e mediante protocolos axeitados participaron na súa solución.
Ademais, a visión global do estado de saúde dos ríos vainos permitir propoñer accións de mellora para incrementar o seu valor ambiental así como os servizos ecosistémicos que nos proporcionan. Se queres coñecer os resultados do proxecto e participar no debate sobre as propostas de mellora, convidámoste a asistir ao faladoiro.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o mércores, 30 de outubro do 2024, ás 20:30h no local social do G. N. Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Para a asistencia e participación presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
Agradécese a asistencia do público no local, xa que contaremos coa presenza do relator na xornada. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar libremente ao directo a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.
Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Este faladoiro encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.
Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org│639 13 16 88
Agardámoste!

Leave A Comment