O vindeiro mércores retomamos a iniciativa “Falando de natureza” coa primeira charla deste 2023! Nesta ocasión achegarémonos ao amplo mundo das ópticas, comentando polo miúdo unha das ferramentas esenciais para todo naturalista, xa sexa avezado ou principiante, que desexe gozar da natureza: os prismáticos. Que modelos existen? Que características e particularidades teñen? Como elexir os máis axeitados?…Estas e moitas outras dúbidas terán resposta, grazas ao relator que nos acompañará nesta ocasión:

José Ramón Méndez. Atraído polos instrumentos ópticos dende a súa nenez, foi ampliando ao longo dos anos o coñecemento sobre estes recursos, ao tempo que engrosaba unha ampla colección de óptica fotográfica, prismáticos e telescopios para a observación e captura da contorna. Unha aprendizaxe que puxo a disposición d@s compañeir@s da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, entidade á que leva vencellado dende o ano da súa fundación.

Se es dos que tes pensado mercar uns prismáticos e non sabes ben en que debes fixarte, ou se simplemente queres coñecer a variedade existente e as posibilidades que outorgan, non te podes perder esta xornada! Abofé que se convertirán nun compañeiro inseparable. 

O relatorio, de balde e aberto ao público, terá lugar o vindeiro mércores 18 de xaneiro, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-. Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Agradécese a asistencia do público de xeito presencial, xa que teremos a oportunidade de ter en persoa connosco ao relator, podendo gozar ademais da mostra de prismáticos que traerá ao local. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.

Agardámoste!

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014