O domingo, 31 de marzo do 2019 de 10:30 a 13:30 damos comezo ás novas actividades que axudarán a entidades de custodia galegas a realizar con máis recursos as súas labores de protección e conservación nas fincas que teñen custodiadas e outras novas que estas accións lles permitan adquirir e, así, protexer.
Iremos ata a Ría do Burgo da man de Santiago e Óscar Vázquez Cásas, membros históricos do G.N.Hábitat e expertos ornitólogos, que nos amosarán os segredos das aves que habitan e veñen a pasar os invernos nesta ría.
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. Para poder asistir tes que inscribirte neste formulario:
Tes ata o día 28 de marzo do 2019 para inscribirte.
Logo no correo de confirmación recibirás as instrucións para realizar o abono:
- Socios G.N. Hábitat: Gratuíto (as cotas de socio do G.N.Hábitat xa aportan anualmente a entidades de custodia).
- Nenos (menores de 14 anos): 3€
- Adultos (maiores de 14 anos): 5€
Se quixeses aportar máis á entidade coa que participamos nesta actividade será moi ben recibido, axudará a protexer o noso.
O recadado destinarase integramente á entidade de custodia: Fundación Fragas do Mandeo (FFM). Esta entidade foi fundada no 2010 có obxectivo adquirir e custodiar parcelas de alto valor ambiental en As Mariñas (A Coruña), en especial no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Actualmente, FFM ten en custodia 268.340 m2, en lugares como o Monte da Espenuca (Coirós), a Lagoa de Sobrado (Sobrado dos Monxes) ou ribeiras de ríos coma o Mandeo (Aranga) ou o Mendo (Oza-Cesuras).
É importante que recordes que para asistir a estas actividades é necesaria a inscrición previa e o pago por anticipado. Non se admitirán na actividade a persoas non apuntadas ou que non fixesen o pago no prazo establecido.
Todos os participantes contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment