No marco da iniciativa 15 días de bolboretas, impulsada por Mundo Artrópodo e a Sociedad para la Conservación y el Estudio de las Mariposas en España (SOCEME), desenvolverase tamén un amplo programa de charlas online en directo, nas que o Grupo Naturalista Hábitat participa xunto con estas entidades.

Estas sesións, abertas ao público, ofrecerán unha oportunidade única para achegarse ao mundo das bolboretas desde a casa, coñecendo aspectos clave como a súa identificación, ecoloxía, seguimento e conservación. As charlas estarán dirixidas tanto a persoas que se inician neste ámbito como a aquelas con maior experiencia, combinando contidos divulgativos con outros de carácter máis técnico.

Ao longo das distintas xornadas abordaranse temas como a iniciación ao seguimento de bolboretas diúrnas e nocturnas, a súa bioloxía e curiosidades, os hábitats nos que viven, o papel que xogan como indicadores ambientais ou a súa diversidade en distintos contextos, como o ámbito atlántico ou urbano. Tamén haberá sesións específicas sobre grupos concretos, como os licénidos, así como propostas prácticas relacionadas coa identificación de especies.

Entre as actividades máis destacadas inclúese unha sesión de mostraxe de avelaíñas en directo mediante trampas de luz, que permitirá observar en tempo real o traballo de campo, así como unha charla centrada nos nomes dos lepidópteros en galego, achegando unha visión tamén cultural e lingüística.

As charlas desenvolveranse entre o 14 e o 24 de abril, en diferentes horarios de tarde, e poderanse seguir en directo a través dos canais de Mundo Artrópodo, SOCEME e Grupo Naturalista Hábitat.

Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:

 

 

 

 

 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Unha oportunidade perfecta para aprender, descubrir e afondar no coñecemento das bolboretas e do seu papel fundamental na biodiversidade.