Comprácenos anunciar a celebración da sétima edición das Xornadas Micolóxicas organizadas pola Asociación Micolóxica Coruñesa, que contan un ano máis coa colaboración do G.N.Hábitat. Unha proposta que permitirá achegar o abraiante mundo dos cogomelos a toda a cidadanía, da man de expertos e compañeir@s da AMC. Diversos relatorios e exposicións micolóxicas terán cabida nesta ambiciosa iniciativa, que se celebrará na Coruña nas datas do 14 ao 20 de novembro.

As conferencias, de balde e abertas ao público, terán lugar no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-) nas datas e horarios indicados en cada caso. Para a asistencia e participación en calquera delas será imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación establecido. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Programa das Xornadas Micolóxicas 2022

  • Charla-Taller de cultivo de Shitake (luns 14 de novembro, de 20:30 a 22h) – PRAZAS CUBERTAS

Charla-obradoiro sobre o cultivo de Shiitake impartida polo experto Santiago Liñeira Casal de Fungocerga. Durante esta actividade coñeceremos o fascinante mundo do cultivo de fungos, e as peculiaridades específicas do caso do Shiitake (Lentinula edodes). Aquelas persoas que o desexen poderán levar para casa un tronco produtor deste exquisito fungo por só 10€, pero deberán confirmar o pedido e realizar o pagamento antes das 12 horas do 2 de novembro. Os datos da conta bancaria onde realizar o abono figuran indicados no formulario de inscrición online.

Tamén podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:

 

  • Metodoloxía HCF de identificación de cogomelos (martes 15 de novembro, de 20:30 a 22h) – PRAZAS CUBERTAS

Se queres afondar no estudo dos cogomelos silvestres, tarde ou cedo será necesario contar cunha metodoloxía científica que te permita chegar directamente ás familias, xéneros e mesmo ás especies, aforrándote longas e incertas procuras nas guías. Chemi Traba Velay, micólogo recoñecido internacionalmente e autor de numerosos libros sobre cogomelos, expón aquí o seu método HCF de identificación de cogomelos.

  • Charla fotografía de cogomelos (mércores 16 e xoves 17 de novembro, de 20:30 a 22h)

Xa sexa buscando a beleza innegable destas criaturas, o seu retrato máis preciso con fins científicos, ou simplemente unha toma rápida para a súa identificación por parte de terceiros, a fotografía micolóxica fíxose enormemente popular, grazas tamén ás novas capacidades dos teléfonos móbiles. Fran Nieto, experto fotógrafo do mundo do pequeno, autor de numerosos libros sobre fotografía da natureza e gran divulgador do tema, axudaranos a mellorar as nosas técnicas fotográficas tanto aos que dispoñan de equipos sofisticados e complexos, como aos que empregan como cámara o seu teléfono móbil.

  • Curiosidades do mungo dos cogomelos (venres 18 novembro, de 20:30 a 22h)

Se che fascinan os fungos e queres escoitar datos sorprendentes sobre este Reino e un pouco de etnomicoloxía, tes que vir a esta charla, na que a gran divulgadora e guía micolóxica acreditada Raquel Poncini, levaranos coas súas historias a este mundo fantástico e ás súas curiosidades.

  • Gran exposición de cogomelos na Feira Ecolóxica do Campo da Leña (domingo 20 novembro, a partir das 9h)

Como é habitual, a Asociación Micolóxica Coruñesa organiza nesta data, no marco da Feira Ecolóxica do Campo da Leña, unha gran exposición con exemplares de cogomelos silvestres recollidos polos seus soci@s. Tendo en conta as experiencias anteriores, espéranse máis de 100 especies de fungos con infinitas formas, tamaños e cores. 

A exposición será pola mañá en horario de feira. A asistencia a esta exposición non require inscrición


Dúbidas e comentarios:

Achégate ao apaixonante mundo dos cogomelos!