Un ano máis, temos o pracer de anunciar a celebración da XIII Xornada no marco da iniciativa “Especie do ano na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo“. Nesta edición de 2026, a protagonista será a víbora de seoane (Vipera seoanei), un dos réptiles máis característicos do noroeste ibérico e unha especie estreitamente ligada aos ambientes atlánticos da nosa terra.
Se queres coñecer máis de preto as serpes da nosa terra, as ameazas ás que se enfrontan e afondar na ecoloxía e na situación actual da víbora de Seoane, ademais de coñecer o traballo que desenvolve a Rede de Seguimento de Poboacións de Víboras Ibéricas, non podes perder esta oportunidade.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo, 27 de setembro do 2026, de 09:30 a 14h, na sede da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (Abegondo). Pola tarde, ás 16:30h, trasladarémonos ata a costa de Dexo (Oleiros) para realizar unha saída de campo orientada á observación de víboras no seu medio natural.
Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas e serán asignadas seguindo unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non garante a praza na actividade ata recibir a confirmación por parte do G.N. Hábitat, que será enviada ao enderezo de correo electrónico achegado durante o proceso de inscrición.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment