O vindeiro sábado 15 de xuño, de 10 a 14h, levaremos a cabo unha nova xornada de voluntariado ambiental da man de Afundación – Obra Social ABANCA, na que continuaremos coa nosa labor de retirada de especies exóticas invasoras a carón da Torre de Hércules. Se queres participar, inscríbete axiña en rsc@abanca.com. As prazas son limitadas, e imprescindible a inscrición previa.

Os traballos centrarase no control do Carpobrotus edulis (ou “herba do coitelo”), especie incluída no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras*, así coma no Libro de Plantas Invasoras de Galicia**. Cun marcado potencial invasor, o Carpobrotus leva anos avanzando, comprometendo e restrinxindo a diversidade biolóxica na nosa contorna. De orixe Sudafricano, recoñécese polas súas vistosas flores de cores amarelas ou rosadas, follas perennes e carnosas e talos longos e rastreiros. A súa presenza, fóra da súa área de distribución natural, supón un forte impacto, tanto sobre o hábitat no que se asenta como sobre as especies nativas alí presentes, sendo conveniente a posta en marcha de iniciativas que leven ao seu control e eliminación, sobre todo en áreas fráxiles coma dunas, areais ou cantís costeiros. Esta realidade cobra se cadra máis forza na área de traballo prevista, e nos tempos que corren, logo do inicio por parte do Concello da Coruña dos trámites necesarios para a declaración da contorna da Torre de Hércules como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), figura de protección legal recollida na Ley de Conservación de la Naturaleza***, e cuxa consolidación completaría o recoñecemento Patrimonial desta emblemática contorna da nosa cidade, grazas agora aos seus valores naturais.

—–

*Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras.

** Fagúndez, J. & Barrada, M. (2007). Plantas invasoras de Galicia. Bioloxía, distribución e métodos de control. ​Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible​. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 209 pp.

*** Ley 9/2001, de 21 de agosto, de Conservación de la Naturaleza.