Este sábado, 2 de agosto, continuamos coas actividades de Víxías dos nosos ríos cunha nova ruta divulgativa. Nesta ocasión, visitaremos o encaixado val do río Lambre, ao seu paso polos concellos de Miño e Vilarmaior.

Aproveitando o comezo do caloroso mes de agosto, animámoste a acompañarnos nunha agradable andaina polo bosque de ribeira do Lambre, un río que comparte moitas especies e ecosistemas cos afamados Eume e Mandeo, que discorren ao norte e ao sur respectivamente. Descubriremos auténticas Fragas Perdidas, xoias da biodiversidade galega que poñemos en valor dende o Grupo Naturalista Hábitat.

Durante o percorrido analizaremos a calidade do bosque de ribeira e prestaremos atención a especies do sotobosque como o Hypericum androsaemum, que produce os seu froitos nesta época do ano. Tamén procuraremos fauna singular, como o protexido caracol de Quimper (Elona quimperiana) e desfrutaremos da observación de aves, libeliñas e bolboretas. Ademais, localizaremos a presenza de especies exóticas invasoras de flora, como o bambú (Phyllostachys sp.) que ameaza a biodiversidade deste espazo, e realizaremos o seguemento as manchas de Crocosmia x crocosmiiflora que foron erradicadas en anteriores accións do proxecto. 

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o sábado, 2 de agosto do 2025, de 10:00h a 13:00h. Para participar, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Esta ruta encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.

Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org699 876 322

Agardámoste!