A XI Escola de Naturalistas chega case ao seu fin, e que mellor xeito de rematala que repasando o aprendido ao longo de todos estes meses, realizando un bioblitz nunha das nosas xoias ecolóxicas, o Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
Ao longo desta andaina gozamos da natureza aprendendo sobre os diferentes eidos do naturalismo, coa boa compañía dos nosos expertos, aos que lle estaremos sempre agradecidos, e por suposto cos alumnos desta última promoción, hoxe día xa compañeiros/as, sen os cales esta aventura non tería sentido. Grazas a todos pola paixón e entusiasmo amosado en cada unha das xornadas que compartimos.
É finalizamos esta escola cunha das actividades máis entretidas e completas: o BioBlitz….pero, que é isto? Pois ben, un BioBlitz é un estudo intensivo de campo que se desenvolve nun período curto de tempo, durante o cal se explora a diversidade biolóxica dunha determinada área para rexistrar o maior número de especies posible, da man de expertos. Isto faise directamente identificando algunhas das especies no campo, pero tamén fotografando todos os seres vivos (fauna e flora) e rastros detectados para a unha posterior determinación. Este BioBlitz permitiranos obter unha ampla información sobre a biodiversidade presente no espazo estudado, permitíndonos en certo modo coñecer as súas características naturais.
De seguro vai ser unha estupenda xornada!
Xa estamos a preparar a seguinte promoción da Escola de Naturalistas, así que… se queres aprender e gozar coa natureza, permanece atento e…NaturAlístate!!
Vémonos na Escola compañeiros/as!
Coa colaboración de


Leave A Comment