Levamos anos argallando unha Semana da Luz coma esta, na celebración do Día da Candelaria. Esta festividade da relixión católica parece estar relacionada con diversos ritos pagás romanos e/ou celtas, sempre vinculados coa luz e con procesións á luz das velas. Na cultura galega, relacionase co inicio da época reprodutora das aves, xa que o Día da Candelaria, casan os paxariños. Como di o refrán “A partir da Candelaria, ningunha ave voa soa.” Tamén hai outros refráns relacionados con este día, como:
“Cando a Candelaria chora,
o inverno vai fora.
Cando a Candelaria ri,
o inverno está por vir.”
Este día marca un cambio, o inicio para a tempada de cría das aves e día a día temos máis minutos de luz, que van formando o comezo da época primaveral. Tamén o día 2 de febreiro celebrase como cada ano, desde 1971, o Día Mundial das Zonas Húmidas, para poñer en valor un dos ecosistemas máis degradados do planeta e tan esenciais para a vida.
Así, nesta Semana da Luz do 2024 organizamos varias accións relacionadas coas aves, as zonas húmidas e a luz das estrelas.
En todas as accións as prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. Lembrade inscribirvos a través do formulario diferente para cada acción.
Todo o recadado nestas accións destinarase á Custodia do Territorio e á Defensa Ambiental a través do Proxecto Vixías. Con esta iniciativa queremos seguir loitando con máis forza para protexer os nosos espazos naturais e a biodiversidade das constantes perturbacións ás que se ven sometidos.
Domingo, 28 de xaneiro do 2024
Faremos unha acción de Hábitat Protexe de revisión de Caixas niño no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo de 10:30 a 13:30h. A nosa intención é revisar antes do día 2 de febreiro as caixas niño para deixalas listas para a época de cría das aves. Acompañarédesnos nunha acción que ano tras ano realizamos para limpar, reparar e controlar a rede de caixas niño e refuxios do G.N. Hábitat.
- Socios G.N. Hábitat: de balde.
- Non socios G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 3 €
- Adultos (maiores de 14 anos): 5 €
Xoves, 1 de febreiro do 2024
Como xa queda pouco para o día no que casan os paxariños, imos realizar un taller de construción de caixas niño, onde vos mostraremos os diferentes modelos e como construír unha caixa niño para que poidas poñer en práctica esa experiencia na túa casa. (Esta actividade non inclúe unha caixa niño, só a súa construción e información dos diferentes modelos).
A actividade será no noso Local Social de 16:30 a 18:30h. Esta actividade é tamén unha acción de Hábitat Protexe.
- Socios G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 3€
- Adultos (maiores de 14 anos): 5€
- Non socios G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 5€
- Adultos (maiores de 14 anos): 8€
Venres, 2 de febreiro do 2024
O Día da Candelaria e o Día Mundial das Zonas Húmidas teremos un “Falando de Natureza“ moi especial da man de Xosé Manuel Penas Patiño, que nos contará nunha charla a relación das aves na nosa cultura galega. A charla será realizada en liña baixo o título “Aves e Folclore galego” ás 20:30h, a través do noso canal de Youtube e redes sociais.
Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Sábado, 3 de febreiro do 2024
O día de San Blas, por se vemos cegoñas, temos catro actividades para vós:
1. Anelamento científico de aves
Da man do Grupo de Anelamento Hércules faremos unha xornada de anelamento científico de aves no Estuario do Anllóns (Ponteceso) de 9:30 a 12h onde poderemos aprender moito das nosas aves da man de aneladores expertos.
- Socios G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 5€
- Adultos (maiores de 14 anos): 10€
- Non socios G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 8€
- Adultos (maiores de 14 anos): 15€
2. Taller Práctico de Cantos de Aves
Da man do noso compañeiro Cosme Damián Romay aprenderemos dos cantos das nosas aves nunha das mellores épocas para aprender das nosas aves cantoras. A actividade será en Elviña, A Coruña, de 10 a 13h. Este curso está dirixido para maiores de 12 anos.
- Socios G.N. Hábitat: 8 €
- Non socios G.N. Hábitat: 15 €
3. Observación de Aves en Pontedeume
Na mañá do sábado, de 10:30 a 13:30h, tamén estaremos cun novo Hábitat Protexe en Pontedeume para coñecer as aves que podemos atopar na desembocadura do río Eume. Aproveitando que a marea estará subindo e achegando as aves cara o paseo de Pontedeume, aprenderemos as curiosidades das aves que alí podemos atopar.
- Socios G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 3€
- Adultos (maiores de 14 anos): 5€
- Non socios G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 5€
- Adultos (maiores de 14 anos): 8€
4. Aves e Estrelas
Igual que o ano pasado, temos moitas ganas deste Encontros Naturalistas coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e o noso Proxecto Noucho. Así este sábado, 3 de febreiro, en Mabegondo de 17:30 a 21:30h desfrutaremos da fauna nocturna e das estrelas do ceo de inverno.
A xornada é de balde e aberta ao público. Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado.
Domingo, 4 de febreiro do 2024
E para rematar a Semana da Luz faremos un Hábitat Protexe para a observación de aves no Encoro de Cecebre de 10:30 a 13:30h. Visitaremos varias zonas deste espazo para observar o maior número de aves posible.
- Socios G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 3€
- Adultos (maiores de 14 anos): 5€
- Non socios G.N. Hábitat:
- Nenos (menores de 14 anos): 5€
- Adultos (maiores de 14 anos): 8€
Todos os participantes que sexan confirmados vía email, contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco a celebrar a Semana da Luz!

Leave A Comment