Comprácenos anunciar a celebración dunha nova actividade no Monte da Fraga, organizada da man da Oficina de Sustentabilidade (OdS) da Universidade da Coruña no marco do XII Outubro UDC Saudable. Nesta ocasión, o obxectivo será o establecemento de microhábitats que cumpran unha dobre función: fornecer espazos de acubillo e asentamento para a fauna e flora silvestres, ao tempo que acondicionar unha barreira física arredor da charca do Monte da Fraga, procurando a súa perdurabilidade. Para isto será preciso amorear a man diferentes materiais (pedras, lousas e tocóns), aos que iremos dando forma arredor da charca. Unha nova mañá a prol do patrimonio natural deste espazo, e que queremos compartir contigo!
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo, 18 de outubro do 2026, de 10:30 a 13:30h, no Monte da Fraga (campus da Zapateira. Universidade da Coruña).
Para a participación na actividade é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado pola Oficina de Sustentabilidade da UDC, e escollendo a actividade correspondente:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat, a través do correo electrónico achegado na inscrición.
No caso de que a previsión meteorolóxica na data establecida non permita desenvolver a xornada de manera axeitada, a actividade poderá ser adiada. Esta circunstancia será avaliada polos organizadores e, de ser o caso, informarase do aprazamento vía email aos inscritos.
A xornada establece un recoñecemento de créditos para estudantes de grao da UDC: 3h (1c por cada 10h de participación en actividades da OdS).
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios: inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment