Estamos a realizar unha campaña de control de Carpobrotus sp., tamén coñecido como uña de gato, na contorna do Areal de Alba (Sabón, Arteixo). Esta planta, orixinaria de Sudáfrica, foi introducida como ornamental e para fixar areais, e espallouse rapidamente formando densas alfombras que desprazan a vexetación autóctona e alteran o equilibrio natural das dunas.
Para continuar reducindo a súa presenza neste espazo de singular valor ecolóxico, convocamos unha nova xornada de voluntariado de retirada de Carpobrotus sp. no litoral de Sabón (Arteixo) o domingo 16 de agosto de 2026, ás 10:30 h.
A participación é de balde e aberta a todos os públicos, previa reserva de praza (inscrición) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
Esta actividade forma parte do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMPA), e pola Xunta de Galicia.
Dúbidas e comentarios en mares@gnhabitat.org│981 135 014
Entre tod@s, melloraremos o planeta!

Leave A Comment