Velaquí a vindeira actividade no marco da nosa iniciativa “Falando de natureza”. Nesta ocasión contaremos cunha xornada moi especial na que proxectaremos o documental Filtrando a Luz, unha obra audiovisual impulsada pola Federación Ecoloxista Galega (FEG) dentro do proxecto “Temos Raíces”. Esta iniciativa ten como obxectivo a recuperación e posta en valor da memoria histórica do movemento ecoloxista galego, a través da recompilación de materiais documentais e audiovisuais, así como do testemuño directo das persoas protagonistas deste proceso colectivo.

O documental Filtrando a Luz, dirixido por Xacobe Meléndrez Fassbender, foi realizado ao longo do ano 2024 e preestreado durante o Encontro Ecoloxista da FEG no Albergue Alvarella (Miño). A súa versión definitiva recolle entrevistas con diversas figuras do ecoloxismo galego e amosa materiais históricos que axudan a entender os fitos, conflitos e aprendizaxes do activismo ambiental ao longo das últimas décadas.

A actividade contará coa presenza do seu director, quen participará tamén nun coloquio posterior á proxección para comentar o proceso de creación do documental e reflexionar sobre o presente e o futuro do ecoloxismo en Galicia, así como sobre os desafíos ambientais e sociais aos que se enfronta o territorio dende unha mirada crítica e comprometida.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o venres 16 de maio, ás 20h, no local social do G.N.Hábitat. O formato será exclusivamente presencial, non se habilitará difusión online. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014