Retomamos de novo neste ano 2019 as actividades baixo o convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para desenvolver o traballo por proxectos no marco Aprendizaxe-Servizo, como complemento á formación integrada do alumnado universitario. Deste xeito, ao longo do ano e novamente en colaboración coa Dra. Elvira Sahuquillo Balbuena e o Dr. Manuel Pimentel Pereira, profesores da Área de Botánica da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, os alumnos levarán a cabo actividades formativas enmarcadas nos contidos prácticos que forman parte do currículo da materia de Botánica Sistemática: Fanerogamia, no terceiro curso do Grao de Bioloxía.

Compre salientar que o convenio acordado non leva asociada ningunha asignación orzamentaria, polo que os implicados nesta iniciativa investirán o seu tempo e esforzos de xeito altruísta, que de seguro serán recompensados cos resultados obtidos.

Este ano os proxectos focalízanse nos impactos ambientais e a xestión da flora alóctona invasora tanto en espazos naturais como en axardinamentos urbanos.

Estade atentos ás novidades!