No marco dun novo acordo de colaboración educativa establecido entre o G.N.Hábitat e a Universidade da Coruña, ao longo dos meses de xullo e agosto deste 2023 estivemos a gozar da compañía de Antía Bellunghi e Gabriela Casal, ambas estudantes de Grao en Bioloxía na Facultade de Ciencias, que nos teñen escollido para facer connosco o seu periodo de prácticas externas. Do mesmo xeito, pero vinculado ao certificado de profesionalidade (SEAG0109) en Interpretación e Educación ambiental que imparte o Centro de Formación Praxis na Coruña, a compañeira Estefanía Montero sumouse a Antía e Gabriela, ao escollernos tamén para o seu período de prácticas profesionais.
Dende o primeiro momento, Antía, Gabriela e Estefanía incorporáronse ao día a día das tarefas que desenvolvemos dende a entidade, co obxectivo de adquirir coñecementos e competencias na xestión de iniciativas dirixidas á divulgación, o estudo e a conservación do noso Patrimonio Natural. Mais compre salientar que esta relación foi, en todo caso, bidireccional, xa que por suposto nós tamén aprendemos -e non pouco- grazas aos esforzos, a ilusión e os coñecementos que demostraron en todo momento.
Grazas compañeiras! Poder contar coa vosa colaboración foi un auténtico pracer, e unha magnífica experiencia. Esta será sempre a vosa casa.


Leave A Comment