O Grupo Naturalista Hábitat, como ONG dedicada ao estudo e conservación da natureza galega desde 1979, ven expresando desde hai anos a súa preocupación perante a expansión acelerada de plantacións de árbores do xénero Eucalyptus en case toda Galicia.
Este tipo de plantacións, realizadas a expensas de áreas de matogueira aberta, en antigas zonas agrícolas ou gandeiras, e mesmo sobre turbeiras e substituíndo bosques de ribeira e carballeiras -moitos deles en Rede Natura 2000-, degradan permanentemente terreos valiosos desde o punto de vista ambiental.
Ademais da perda neta de biodiversidade, da detracción de reservas hídricas, do empobrecemento do solo e do aumento do risco de grandes incendios, as plantacións de eucalipto supoñen unha alteración significativa da paisaxe natural galega. Mesmo afecta ao noso patrimonio cultural, como castros e mámoas, así como ao Camiño de Santiago, e chega a ocupar hectáreas de dominio público fluvial e marítimo.
Desde hai anos, existe evidencia científica acerca do carácter invasor das árbores do xénero Eucalyptus en Galicia e en España, mesmo cun ditame de 2017 do comité científico do Ministerio de Medio Ambiente español que recomendaba a inclusión desas árbores de orixe australiana dentro do Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras.
A moratoria ás novas plantacións de eucalipto, anunciada en febreiro de 2021 e activa desde xullo de 2021 ata o final presente ano 2025, non serviu para conter o avance destas plantacións, con centos de novas hectáreas -ilegais- arreo do territorio.
Considerando isto, o G. N. Hábitat manifesta o seguinte:
- Que as plantacións de eucalipto en Galicia constitúen un problema ambiental de primeira orde en Galicia.
- Que, hoxe en día, a expansión das plantacións de eucalipto en territorio galego está lonxe de estar minimamente controlada, con espazos naturais protexidos e dominios públicos marítimo-terrestre e fluvial frecuentemente eucaliptizados.
- Que, en relación co anterior, a actual moratoria ás novas plantacións de eucalipto demostrouse ineficaz, e impide confiar na efectividade dunha ampliación desta ata 2030, suxerida por diversos colectivos e partidos políticos.
- Que se debería poñer o foco no carácter invasivo do xénero Eucalyptus en Galicia, refrendado por numerosas publicacións técnicas e científicas, e artellar estratexias a curto, medio e longo prazo que limiten o cultivo destas árbores de orixe australiana na nosa terra.
- Que a política forestal galega do futuro non debería estar atada a ningunha especie exótica invasora, existindo alternativas rendibles economicamente, e axeitadas ecoloxicamente, dentro do elenco de especies de árbores nativas de Galicia.
Por un futuro libre de eucaliptos en Galicia, asina o presente manifesto na Coruña, a 12 de maio de 2025.

Leave A Comment