Un ano máis, desde o Grupo Naturalista Hábitat presentamos o noso calendario, unha iniciativa que combina divulgación ambiental, participación social e posta en valor do noso patrimonio natural máis próximo.
O calendario 2026 está dedicado á vida silvestre da cunca do río Mero e do encoro de Cecebre, baixo o lema “Primavera no encoro”. A través das súas ilustracións e contidos, o calendario percorre diferentes escenas e elementos da biodiversidade asociada a este espazo natural de grande relevancia ambiental, achegando ao público xeral unha ollada próxima e accesible sobre a natureza que nos rodea.
Esta edición enmárcase, como nos anos anteriores, no certame anual de ilustración do G.N. Hábitat, unha proposta aberta á participación do público en xeral que busca fomentar a creatividade e a sensibilización ambiental a través da arte, tomando como inspiración o medio natural galego.
O proxecto conta un ano máis coa colaboración de EMALCSA, entidade coa que compartimos o compromiso coa divulgación ambiental e a conservación dos ecosistemas ligados á auga.
👉 O calendario está dispoñible en formato PDF para descarga directa, de balde, para todas aquelas persoas que queiran utilizalo ou imprimilo.
Agardamos que este calendario sirva non só como ferramenta práctica para o día a día, senón tamén como unha pequena xanela para coñecer mellor a biodiversidade da cunca do Mero e do encoro de Cecebre, e para seguir promovendo unha relación máis respectuosa coa nosa contorna natural.
Actividade encadrada dentro do programa: Promove:



Leave A Comment