En resposta á organización da “II limpeza simultánea de praias en Galicia (2013)” da man de ADEGA, fixada para a vindeira fin de semana co motivo da celebración o sábado día 8 de xuño do día mundial dos océanos. O G.N. Hábitat súmase á iniciativa e convoca a todos os interesados, simpatizantes e socios, a participar na limpeza da praia da Alameda.

Durante a xornada farase unha limpeza do lixo presente no areal, prestando especial atención aos plásticos, e aproveitaremos para ver e analizar a flora e fauna que nos acompaña neste contorno, e que xa nos ten agasallado con fermosas panorámicas de especies tan emblemáticas como a Aguia pescadora.

A praia atópase na desembocadura do río Lambre na ría de Betanzos, na localidade de A Ponte do Porco (Concello de Miño). O punto e hora de encontro será ás 10:30 no areal da mesma praia, e a xornada estenderase ata as 13 horas. Aconséllase a todos os participantes vir preparados con roupa cómoda (tamén algo impermeable para a posible chuvia), luvas, auga e algo de comida.

A xornada é de balde e aberta ao público en xeral. De tódolos xeitos, o G.N. Hábitat agradece a confirmación dos asistentes mediante un mail a gnhabitat@yahoo.es, co asunto “Asistencia” e o nome e apelidos dos asistentes no corpo do mail, ou chamando ao 981 135 014.

Animádevos a participar!