Plantilla_Post con pegada.pptx

 

Logo da comprobación da presenza dunha elevada cantidade de anfibios nun depósito de auga utilizado na loita contra os incendios forestais, o G.N.Hábitat ven de dar aviso ás autoridades competentes (Distrito Forestal, Servizo de Conservación da Natureza e Dirección Xeral de Patrimonio Natural) do estado que presentaba a estrutura: obstrución do tubo de captación e consecuente escaso nivel de auga no depósito.

Compre salientar que no interior deste pequeno depósito atopáronse 9 das 14 especies de anfibios presentes en Galiza, sendo tres delas especies incluidas dentro do epígrafe “Vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007). Destacou a presenza de adultos reprodutores e postas de Rana temporaria (especie que non adoita facer postas en depósitos deste tipo, preferindo charcas pouco profundas) e de exemplares nunha condición física deficiente, debido a que non poden obter o suficiente alimento nun humidal destas características e, ademais, non poden saír do depósito debido á elevada distancia dende o borde da auga ata a parte superior do depósito. De non ter vía de saída, adultos e xuvenís morrerán no depósito xerando un problema de conservación destas especies catalogada, cuxa solución é doada e de mínimo custo. Para evitar a morte dos exemplares presentes, retiráronse do depósito aqueles que puideron ser recollidos e liberáronse nas súas proximidades, contando para isto coas autorizacións necesarias emitidas polas autoridades competentes. Sen embargo, este método non é efectivo a medio e longo prazo, debido a que volverán a caer dentro do depósito novos exemplares, volvendo a repetirse a problemática detectada.

Debemos ter en conta que estes depósitos de auga son un medio moi utilizado polos anfibios para a súa reprodución. Se ben se debe primar a súa función principal de recollida e disposición de auga para a loita contra os incendios forestais, non debemos menosprezar o enorme interese que poden ter na época de reprodución dos anfibios. Ademais, debido a que os incendios tenden a producirse non verán e a reprodución dos anfibios é invernal, ambos usos non son incompatibles. Manter estas estruturas nun adecuado estado de conservación permitirá que manteñan un axeitado nivel de agua, o que optimizará esta doble funcionalidade: uso na loita contra incendios e medio de reprodución para os anfibios.

As mínimas actuacións a ter en conta para arranxar o problema, que poden ter un gran beneficio sobre estas especies protexidas, foron postas en coñecemento mediante escrito. Agardamos agora que as autoridades as teñan en consideración.